Sunday 05 de May de 2024

Vaca Films preestrea na Coruña a película ‘Quien a hierro mata’, producida co apoio económico da Xunta


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o director da Agadic asistirán esta noite ao primeiro pase do filme, que se poderá ver desde mañá nas salas de cine
A produtora galega Vaca Films preestrea esta noite na Coruña a súa longametraxe Quien a hierro mata, para o que contou co apoio económico da Xunta de Galicia, entre outras achegas. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañarán o equipo da película, dirixida por Paco Plaza e protagonizada por Luis Tosar, neste primeiro pase especial, previo á súa chegada mañá venres ás carteleiras de cine de toda España.

A Consellería de Cultura e Turismo contribuíu á súa materialización cun investimento de 260.000 euros, dos que 240.000 euros corresponden á subvención obtida en 2017 na convocatoria anual da Agadic para producións e coproducións audiovisuais, e outros 20.000 euros foron destinados á súa fase de preprodución a través das axudas de 2016 a desenvolvemento de proxectos de cinema e televisión.

Deste xeito, a Xunta vén apoiando a película desde que o mesmo inicio dos traballos cara á súa chegada á gran pantalla baixo a produción de Vaca Filmes e AtresMedia Cine. Durante este proceso, contaron tamén coa implicación como coprodutora da empresa francesa Playtime, en asociación con Sony Pictures, e a participación de Televisión de Galicia, Atresmedia, Movistar +, Canal+ e Netflix, ademais de coas achegas do Instituto de las Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e do programa Media da Unión Europea.

Rodaxe en Galicia
Rodado integramente en Galicia, con localizacións na Coruña, Cambados, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa, este thriller parte dunha idea orixinal do galego Juan Galiñanes, quen asina tamén o guión xunto a Jorge Guerricaechevarría.

Luis Tosar, María Vázquez e Xan Cejudo, falecido uns meses despois da rodaxe, encabezan o elenco interpretativo que lle dá vida a esta crónica dunha vinganza, narrada cunha gran carga dramática e de acción. Quien a hierro mata explora o lado máis escuro do ser humano, abordando temas como a traizón, as relacións familiares ou a violencia que xera o narcotráfico.